Participa na licitación da Compra Pública Precomercial do proxecto Innova MicroLab

 
O Servizo Galego de Saúde xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, no marco do proxecto Innova Microlab publicou os pregos da Compra Pública Precomercial (CPP) para o servizo de deseño e desenvolvemento de plataformas automatizadas e integrais de diagnóstico rápido avanzado de enfermidades infecciosas e cultivo, incubación e análise do microbioma humano. A licitación conta coas seguintes características:

Lotes: estruturouse en 3 lotes e en dúas fases de desenvolvemento para cada un dos lotes, á vista dos resultados da consulta preliminar ao mercado.
  1. Lote 1: Servizos I+D deseño e desenvolvemento plataformas automatizadas e integrais de diagnóstico rápido avanzado de amplo espectro baseado en técnicas de obtención de información xenética.
  2. Lote 2: Servizos I+D deseño e desenvolvemento plataformas automatizadas de sementa, incubación e dixitalización de soportes microbiológicos.
  3. Lote 3: Servizos I+D deseño e desenvolvemento plataformas automatizadas e integrais de análise xenética do microbioma humano mediante técnicas de obtención de información xenómica.

Fases: Dúas (2) fases
Orzamento: 4.560.000,00 euros (IVE incluído)


Onde queremos chegar? 

Neste proxecto búscanse tecnoloxías cun nivel de madurez tecnolóxica (TRL) entre 4 e 5, que aspiren á construción e validación de prototipos, para a súa posterior demostración a escala precomercial. Espérase que, para cada lote, a solución proposta consiga unha especificación de produto de proba e/ou no seu caso, achegue información conducente a demostrar que se presta á produción en gran escala ou subministración, satisfacendo normas aceptables de calidade e práctica clínica en calquera sistema de saúde. 

A solución proposta en cada lote debe ser susceptible de ser utilizada no futuro como un método de rutina, tanto no Servizo Galego de Saúde, como o resto dos sistemas de saúde do territorio estatal e internacionais.

Por tanto, quedarán excluídas as solucións xa cubertas por outras comercialmente estables e actualmente dispoñibles en grandes volumes no mercado; podendo ser estas un punto de partida achegado pola entidade adxudicataria para os desenvolvementos requiridos no presente contrato.


Que obterán as entidades adxudicatarias? As entidades adxudicatarias poderán "pulir" as súas tecnoloxías e adaptalas, non só aos protocolos hospitalarios, senón tamén ás necesidades dos clínicos, usuarios finais das tecnoloxías. Ademais o modelo de CPP permitirá compartir riscos e futuros beneficios nunha contorna de colaboración público-privada e realizar un proceso de co-deseño co Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario A Coruña.


Como podo participar?

As empresas interesadas presentarán a súa proposta para un, varios ou a totalidade dos lotes desta CPP.

Poderán presentarse propostas para cada lote de forma independente, aceptándose propostas integradoras só para os lotes 1 e 3.

A oferta integradora dun licitador debe supoñer unha mellora respecto a as ofertas presentadas por ese mesmo licitador a cada un dos lotes individuais. Aqueles licitadores que presenten ofertas integradoras deberán presentar obrigatoriamente ofertas individuais aos lotes que se inclúan nas súas ofertas integradoras. Neste sentido, a oferta integradora deberá replicar todo o contido común con cada oferta individual de cada un dos lotes, incidindo nos elementos técnicos e económicos diferenciais.



Lembra que tes ata o 15 de setembro de 2022 para presentar a túa proposta.


Que che recomendamos se tes interese en participar? Recomendámosche seguir estes 5 Tips:
  1. Descarga e le con detemento o documento regulador desta contratación, alí atoparás os aspectos crave para preparar a proposta, tanto da parte administrativa como técnica. ("é básico a lectura completa polo menos unha vez...")
  2. Segue as redes do proxecto onde iremos xerando documentos para facer máis sinxelo o entendemento deste documento regulador ("sabemos que non é fácil preparar unha CPP")
  3. Asiste á xornada de presentación do prego do 5 de setembro (Será mediante un seminario web. Nos próximos días daremos máis detalles nas nosas redes) e lévanos todas as túas dúbidas anotadas para que non queden sen resolver. ("conecta e busca posibles socios para a túa proposta")
  4. Deseña unha estratexia de presentación de oferta, elixe o/os lotes aos que queres optar, e realiza a proposta dando resposta aos criterios de avaliación de cada un dos lotes: ("pasa á acción e enfócate no importante")
    • Proposta técnica: 60 puntos
    • Proposta de asignación de recursos: 5 puntos
    • Proposta de plan de traballo e de xestión do proxecto: 15 puntos
    • Proposta de plan de posta en mercado: 5 puntos
    • Participación nos retornos futuros asociados á comercialización (regalías) / Ponderación: 10 puntos
    • Prezo do servizo de I+D (total de fases): 5 puntos
  5. Anota o fin de prazo de presentación das ofertas: 14.00 h do 15 de setembro de 2022 e ten listo con tempo suficiente para non ter sorpresas de última hora coa plataforma de contratación.

O proxecto Innova MicroLab conta cun orzamento de 5,7 M. euros financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia e Innovación.